Brinca Vai! 2.0

Brinca Vai! 2.0 é un espectáculo musical e audiovisual baseado no libro-cd-dvd “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, imaxes, vídeos, animacións, retransmisións en directo e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.

Nesta ocasión o músico e actor Paco Nogueiras e o artista audiovisual Xosé Miguel Sagüillo combinan a súa tecnoloxía, aparatos e instrumentos nunha divertidísima viaxe chea de humor, cores, imaxes, baile e cancións. As alegrías, as amizades, os libros, a poesía, a ecoloxía, as festas do ano (o magosto, o samain, o entroido, o nadal) e o respecto á nosa lingua serán parte da equipaxe. Unha fantástica oportunidade de regalar os ollos e as orellas, brincar e pasalo ben cos amigos e amigas nun particular camiño onde a música e a imaxe soan con forma de sorriso.

Brinca Vai! 2.0 convértese nun espectáculo interactivo onde a música colle forma e a imaxe soa máis alegre . Brinca Vai! 2.0 viaxará alí onde alguén queira cantar, rir, bailar ou simplemente escoitar cos ollos, as mans e orellas ben abertas!

A %d blogueros les gusta esto: